Contexto de actuación do TGDC

Imprimir

Os novos órganos autonómicos de defensa da competencia operan nun contexto de descentralización, tanto desde a perspectiva comunitaria, ao trasladarse unha crecente responsabilidade aos Estados, como desde a española, polo reparto de competencias existente entre o Estado e as Comunidades Autónomas.

Ao nivel comunitario, o recente Regulamento (CE) 1/2003, do Consello, do 16 de decembro de 2002, relativo á aplicación das normas sobre competencia previstas nos artigos 81 e 82 CE (antigos artigos 85 e 86 do Tratado CE), culmina a tarefa de modernización do Dereito Comunitario da Competencia, iniciada a finais dos noventa. Entre as novidades deste Regulamento destaca, entre outras, a substitución do sistema de aplicación centralizada das regras relativas aos artigos 81 e 82 por outro no que as autoridades da competencia e os órganos xurisdicionais nacionais son os competentes.

No momento de creación dos órganos galegos de defensa da competencia, en España, a Lei básica no ámbito da competencia era a xa derrogada Lei 16/1989, de 17 de xullo, de defensa da competencia. Nun principio, esta lei asignou as competencias executivas no ámbito de defensa da competencia en España exclusivamente aos órganos da Administración Central: o Tribunal de Defensa da Competencia e o Servizo de Defensa da Competencia. Non obstante, esta asignación competencial modificouse como consecuencia da sentenza do Tribunal Constitucional 208/1999, que recoñecía funcións executivas en materia de competencia ás CCAA. Ao efectuar este recoñecemento, a resolución antedita abriu as portas á descentralización da política de defensa da competencia en España.

En efecto, a sentenza número 208 do Tribunal Constitucional, do 11 de novembro de 1999, declarou inconstitucional a cláusula “todo o en parte do mercado nacional” que se incorporaba de modo expreso ou implícito en varios dos artigos da Lei 16/1989, de 17 de xullo, de defensa da competencia, e recoñeceu que as Comunidades Autónomas con competencias no comercio interior podían ter determinadas competencias executivas en materia de defensa da competencia no seu ámbito territorial.

A aparición desta sentenza deu lugar a un importante desenvolvemento normativo. En primeiro lugar, promulgouse a Lei 1/2002, de 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia, que estableceu o marco para o desenvolvemento desta actividade por parte das CCAA. Posteriormente, os gobernos autonómicos foron creando os seus propios órganos de defensa da competencia. De momento creáronse órganos autonómicos de Defensa da Competencia en Cataluña, Galicia, Comunidade de Madrid, País Vasco, Estremadura, Aragón, Castela-León, Valencia e Castela-A Mancha.

No referente ao reparto de competencias entre os diferentes órganos de defensa da competencia que existen en España, a Lei 1/2002, de 21 de febreiro, antes citada, asigna as competencias en materia de defensa da competencia aos órganos da Administración Xeral do Estado, na actualidade, a Comisión Nacional de la Competencia (CNC) cando as condutas potencialmente contrarias á competencia alteren ou poidan alterar a libre competencia nun ámbito supraautonómico ou no conxunto do mercado nacional. No punto 3 do mesmo artigo, a lei indica que as comunidades autónomas serán competentes cando as condutas distorsionadoras alteren ou poidan alterar a libre competencia no ámbito da respectiva Comunidade Autónoma, sen afectar a un ámbito superior ao de unha CA ou ao conxunto do Estado. A lei establece tamén mecanismos de intercambio de información e mesmo de resolución de conflitos no caso de discrepancias entre órganos sobre un determinado expediente.

En materia de concentracións económicas e axudas estatais, a nova Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, que substitúe á Lei 16/1989, retén o criterio de que as competencias sobre prácticas prohibidas (Artigos 1, 2 e 3 LDC) son excluíntes entre a Administración Xeral do Estado e as CCAA (competencias excluíntes), retén na CNC a competencia para examinar as concentracións económicas (competencia exclusiva), aínda que recoñece o papel dos órganos autonómicos sobre as axudas públicas outorgadas no seu ámbito territorial, aínda que recoñece, ao mesmo tempo, a competencia da CNC respecto das axudas públicas na totalidade do territorio nacional competencia (competencia compartida).

A creación do Tribunal Galego de Defensa da Competencia fundaméntase na Lei 6/2004, de 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (Véxase Normativa), redactada no marco da vixencia da Lei 16/1989, do 17 de xullo.. Esta lei establece dous órganos de defensa da competencia, seguindo o modelo aplicado ata agora por parte da Administración Xeral do Estado (o da Lei 16/1989).

Tribunal Galego de Defensa da Competencia ©