Nas economías de mercado, a actividade empresarial é un xogo competitivo. Que este xogo se desenvolva libre e lealmente resulta esencial para que o sistema de mercado contribúa ao benestar dos consumidores e a eficiencia xeral da economía.
A competencia libre e leal contribúe a reducir os prezos e amplía as posibilidades de elección dos consumidores.
Non obstante, en ocasións, algúns axentes económicos poden estar tentados a evitar a competencia, por exemplo, concertando os prezos. Tamén, en algúns casos, as empresas poden abusar da súa posición de dominio no mercado para, por exemplo, expulsar a competidores ou dificultar a entrada de outros novos. En tales casos, prexudicaranse os intereses dos consumidores e a eficacia xeral da economía.
As condutas das empresas que vulneran a competencia libre e leal deben ser eliminadas, dado os seus efectos negativos sobre o benestar dos consumidores e sobre a eficiencia económica. A tal fin, as autoridades europeas comprometéronse na defensa da competencia, creando organismos responsables do logro deste obxectivo.
Os organismos responsables da Defensa da Competencia teñen como fin primordial amparar e promover a competencia entre as empresas no ámbito territorial que lles é propio. Con ese fin poden esixir información ás empresas e, no seu caso, proceder a inspeccións nas súas instalacións.
Se os organismos responsables da Defensa da Competencia comproban a existencia de prácticas ilegais que restrinxen a competencia, poden adoptar medidas para que cesen tales condutas. Ademais, poden impoñer multas ás empresas que participan nos acordos ilícitos, que abusan da súa posición de dominio ou que incorren en restricións da competencia desleal que impliquen un grave prexuízo para a sociedade.
![]()