Español Galego
 

 

 

 

O Consello Galego da Competencia publica un informe no que pon de manifesto a falta de competencia na venda de uniformes escolares

 

Santiago, 6 de febreiro de 2015. Francisco Hernández e Fernando Cachafeiro, Presidente e Vocal, respectivamente, do Consello Galego da Competencia (CGC), presentaron hoxe en rolda de prensa un informe no que se mostra a preocupación do devandito organismo pola falta de competencia na distribución de uniformes escolares en Galicia. Por regra xeral, cando as familias poden elixir onde comprar os uniformes dos seus fillos, obteñen prezos e condicións mellores das que obteñen cando non dispoñen de alternativas.

 

A liberdade das familias para comprar o uniforme escolar vese restrinxida por dúas circunstancias: a) o tipo de uniforme; e b) o modelo de distribución do uniforme.

 

a) O tipo de uniforme

 

As pezas que conforman o uniforme poden ser “básicas”, que non inclúen distintivos do colexio (por exemplo, xersei azul mariño) ou “oficiais”, que si os inclúen (xersei azul mariño co escudo do centro). As primeiras pódense adquirir polas canles habituais de distribución téxtil (hipermercados, cadeas de moda, etc.), mentres que as segundas só se poden comprar en determinados establecementos.

 

O estudo elaborado polo Consello Galego da Competencia pon de relevo que existe gran disparidade entre os centros educativos á hora de decidir que pezas do uniforme son básicas ou oficiais. Mentres uns colexios esixen que todas ou case todas as pezas sexan oficiais, outros permiten que se recorra ás pezas básicas con gran amplitude. Outros centros inclúen un uniforme oficial completo pero con carácter voluntario, de maneira que as familias poden elixir libremente se queren que os seus fillos leven ou non escudos do centro.

 

Os centros educativos han de ser conscientes de que a decisión que adopten respecto diso, ten consecuencias sobre o prezo dos uniformes que pagan as familias, que se encarecen de media un 183% cando a uniformidade completa é oficial (saia, polo, xersei, chándal e camiseta de deportes).

 

As autoridades educativas deben asesorar aos centros para que coñezan as consecuencias das súas decisións e expoñan alternativas menos onerosas para as familias (que o uniforme oficial sexa voluntario e coexista co básico, por exemplo). En todo caso, as familias deben facer valer os seus dereitos a través dos órganos educativos pertinentes (AMPA e Consello Escolar).

 

b) O modelo de distribución do uniforme

 

Os centros educativos poden decantarse por un sistema libre que permita a calquera empresa que o desexe comercializar os seus uniformes (sen prexuízo do dereito que ten o colexio para percibir unha compensación económica) ou restrinxido na que só se permite vender os uniformes a un distribuidor (exclusivo) ou a un número limitado de distribuidores (selectivo).

 

A maioría dos centros restrinxen as opcións a disposición dos pais. O 28% dos centros decántase por un único distribuidor, que pode ser o propio centro ou unha empresa allea ao mesmo.

 

Os centros educativos han de ser conscientes de que o modelo de distribución tamén ten consecuencias sobre o prezo do uniforme. De media, o distribuidor exclusivo é entre un 12% e un 14% máis caro que cando coexisten varios distribuidores.

 

Os centros educativos adoitan obter unha compensación do distribuidor exclusivo de entre o 10% e o 15% do prezo de venda ao público. Por conseguinte, apréciase unha correlación entre o sobreprezo que supón a exclusividade e o beneficio que obtén o centro educativo. Noutras palabras, o custo da exclusividade trasládase ás familias.

 

Os centros educativos que se decanten por un sistema deben adoptar unha serie de cautelas para evitar que a exclusividade resulte lesiva para os intereses das familias. Entre outras medidas, o Consello Galego da Competencia recomenda: a) seleccionar aos distribuidores mediante procesos selectivos e con criterios obxectivos; b) os contratos deben ter unha duración curta, por regra xeral non superior a tres anos; c) o centro debe reservarse o dereito para fixar o prezo máximo de venda ao público; e d) informar as familias de todas as decisións que se adopten en materia de uniformes, incluíndo o beneficio que obtén o colexio.

 

c) A competencia abarata os prezos

 

No informe analízase tamén a situación dos prezos naqueles centros que permiten un número amplo de distribuidores. Cando as familias poden elixir, poden conseguir un desconto medio do 33% segundo a tenda á que vaian comprar o uniforme.

 

d) Datos técnicos

 

Para a elaboración do informe o Consello Galego da Competencia efectuou unha enquisa en liña a todos os centros educativos de Galicia nos que se imparte educación infantil, primaria e secundaria, pertencentes ao ensino público, concertada e privada. Así mesmo, durante a campaña de uniformes do curso 2014/2015, entre os meses de setembro, outubro e novembro, o Consello Galego da Competencia levou a cabo un estudo dos prezos dos uniformes escolares na cidade da Coruña.

 

Ver Informe Completo:

 

informaciónInformación

 

estructuraEstructura

 

normativaNormativa

 

expedientesExpedientes

 

informesInformes

 

memorias/publicaciónsMemorias/Publicacións

 

bibliotecaBiblioteca

 

enlacesEnlaces

 
NOVA DIRECCIÓN
Avda. Gonzalo Torrente Ballester, 1-5
15707 Santiago de Compostela
Tel.: 981957563; Fax: 981957560
correo-e: